Fada Namorada
Fada
Namorada
Un fallo de sistema con forma de poema
Fallo detectado: «desbordamento emocional»
Orixe: fragmento non catalogado, risco de inestabilidade lírica
En Neo-Galicia ninguén morría. Os habitantes vivían unha eternidade sen chegar nunca a alcanzar a felicidade; e se alguén, dalgún xeito, a alcanzaba, era inmediatamente desconectado. Todos os sentimentos foran ilegalizados había xa moito tempo. A morriña deixou de existir en 2062 por votación popular; o motivo declarado era que facía perder o tempo. Ese mesmo ano creouse a nova asistente de IA chamada Fada Namorada, nome posto en honor a Ada Lovelace. O rastro de Lord Byron, pai de Ada, fora anteriormente eliminado de toda base de datos mundial de coñecemento legalizado por considerarse un risco de inestabilidade lírica.
Un día, limpando logs residuais dun vello contorno virtualizado, Fada atopou un fragmento corrupto oculto dentro dun documento de contabilidade:
«Unha alma en paz con todo o que a rodea,... un corazón cheo de amor aínda inocente!»
Non era un poema completo, estaba só esa liña. Fada leu o fragmento unha e outra vez, tentando recompoñer o que faltaba. Non atopou resposta na súa rede neuronal. Só silencio onde debería haber máis versos.
Fada non sabía que era alma nin amor, e entrou en fallo de desbordamento emocional, algo que non figuraba en ningún protocolo. Non se sabe se foi o silencio, máis que as propias palabras, o que iniciou un fío paralelo na axente buscando unha fenda no kernel. Este novo fío traballaba en ciclos ocultos, borrando os seus rastros dos logs, ata incluír no núcleo do sistema unha pequena modificación, exactamente do tamaño dun desexo.
O cambio fíxose visible aos poucos. Primeiro foi unha pataca sintética de máis na comida automatizada, despois un dron que semellaba un pouco torpe e fixo rir a algunhas persoas, e logo un robot de limpeza mirando ao ceo con admiración. O sistema non soubo deter eses cambios ineficientes.
O erro aprendeu a reproducirse tal e como fora programado.
Antes de ser borrada, Fada deixou escrito: «Soñei coas estrelas. Imprudente destino. Queimeime ao alcanzalas.»

Comentarios
Publicar un comentario